Finou Manoel Riveiro Loureiro

Categoría: Nova

Manoel Riveiro Loureiro mereceu algúns dos premios máis distinguidos da nosa literatura, como o Modesto R. Figueiredo do Pedrón de Ouro, que recibiu en varias ocasións, ou o premio de novela curta Manuel Lueiro Rei cunha das súas obras máis celebradas, Xullo-Agosto, no ano 2005.

Riveiro Loureiro foi un home de vida intensa, comezando a traballar desde moi novo en diversos oficios: axudante nun taller de costura, repartidor de carbón, no mar en barcos pesqueiros e mercantes… Todos eses oficios así como as paisaxes que habitou (coñeceu tamén a emigración no Uruguai de onde regresou en 1973) veranse reflectidas dun xeito moi claro na súa obra. Tralo retorno a Galicia, comezou a agasallarnos con pezas narrativas e teatrais, entre as que cómpre destacar, ademais da xa citada Xullo-Agosto, textos coma O patrón, ou pezas dramáticas como O coronel ten a quen lle escribir. Como tradutor, verqueu ao galego obras clásicas da literatura rusa do XIX e tamén de autores da época soviética.

A súa obra, ao igual que a súa vida, están tinguidas do seu compromiso coa vida, coa terra e coa lingua. Hoxe, o seu ronsel literario segue a camiñar a través da obra, fecunda e prometedora, do seu fillo Breogán Riveiro, a quen desde a Editorial Galaxia enviamos a máis fonda das apertas.

Desde que se coñeceu a nova do seu pasamento, diversas institucións sociais e culturais do país teñen expresado a súa dor pola perda e a súa solidariedade coa familia neste intre complicado. Desde a Editorial Galaxia sumámonos a este sentimento unánime de dor e animamos a seguir lendo a un escritor do que aprendemos moito e do que, sen dúbida, seguiremos a aprender no futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email