Rosendo Covelo, director do Verbum, e Carlos Lema, comisario da exposición, foron os encargados da presentación da exposición, que foi seguida por unha visita guiada a todos os presentes a cargo do comisario.
Eduardo Blanco Amor é un dos autores máis importantes da literatura galega do século XX. A súa obra literaria abrangue todos os xéneros, da poesía aos libros de viaxe, pasando polo relato e a novela, onde destaca A Esmorga, considerada pola crítica como renovadora do xénero no ámbito da literatura galega.
Paralelamente ao seu labor como escritor e xornalista, desenvolveu unha intensa e continuada actividade como fotógrafo. E é que o Blanco Amor fotógrafo é inseparable do Blanco Amor escritor, xa que esta obra gráfica foi desenvolvida polo autor durante toda a súa vida cunha intención claramente estética e documental. Unha forma máis, pero ben importante pola dedicación que lle consagrou, da súa necesidade de apreixar o mundo no que viviu, de integralo na súa vida e de tentar explicalo dende a súa propia concepción da realidade.
Deste xeito, a obra gráfica de Eduardo Blanco Amor ten un importante valor como documento histórico, xa que recupera para a cultura galega a memoria histórica e biográfica dun dos seus escritores máis salientables. Así mesmo, boa parte das súas fotografías está formada por retratos dos seus amigos. Aquí atopamos reflectida a amizade con escritores como Alberti e García Lorca, e con políticos como Manuel Azaña ou Indalecio Prieto.
A exposición A ollada do desexo, producida por Merlín Comunicación, pretende –a través dun discurso estético contextualizado polos referentes históricos contemporáneos ao autor– dar a coñecer a ollada particular do escritor, a súa personalidade, querenzas e actitudes diante da multiplicidade coa que o mundo se lle mostraba e que el trasladou, tamén, a súa obra literaria.