Presentado 'O soldadiño de chumbo'

Categoría: Nova

De Literatura 2.0. podería cualificarse 'O soldadiño de chumbo' na versión que onte presentamos, en forma de libro, curtametraxe en DVD e aplicación para iPad. O produto editorial nace da colaboración entre a editorial Galaxia e as empresas galegas Continental, Algarabía e Moonbite.
O libro, que inaugura a colección Contos de Cinema, está editado a xeito de álbum ilustrado e inclúe un DVD cunha curtametraxe de animación que vai narrando a historia. Para concluír o proxecto, o libro complétase cunha aplicación para iPad.
O presidente de Continental Producións, Pancho Casal cualificou este volume de "produto 2.0", e destacou o seu bo deseño e articulación, que converten a 'O soldadiño de chumbo' nunha "obra de arte en si mesma". "A xente pode gozar dunha obra de arte –o libro– e logo ampliar a experiencia –cos elementos audiovisual e interactivo".
Pola súa banda, Carlos Fernández, director de Moonbite Games, destacou o carácter "innovador" e "galego" do contido, que adapta a súa historia á tradición galega con personaxes como o cigarrón dos carnavais ourensáns.
Todo o proxecto partiu da curtametraxe de animación elaborada coa técnica de stop-motion, ambientada no Museo do Xoguete de Allariz e dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde coa historia tradicional de Andersen, adaptada por Xavier Senín. O DVD que acompaña o texto se presenta en tres idiomas diferentes: castelán, galego e inglés.
Como sinalou Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, o obxectivo é que esta colección e este tipo de iniciativas poidan continuar e se estender a outras obras literarias tradicionais, que serán adaptadas da mesma forma no futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email