Agadic e Galaxia coeditan un novo volume da "Biblioteca de Teatro" dedicado á teoría e práctica interpretativas

Categoría: Nova

A colección "Biblioteca de Teatro", que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Editorial Galaxia manteñen en réxime de coedición, acada os 24 títulos coa publicación de A interpretación (re)considerada, novo volume da súa serie "Grandes manuais". Esta guía teórico-práctica recompila máis de vinte ensaios asinados por investigadores, docentes e creadores de renome internacional, que se incorporan a un catálogo en galego convertido xa en referente a nivel peninsular en canto á investigación e aos estudos teatrais.
O director da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, presentou hoxe este manual xunto co director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; e o director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e desta colección, Manuel F. Vieites. Este último é, ademais, o responsable da tradución dunha obra que, na súa versión orixinal inglesa, foi publicada en 1995 e reeditada en 2002 baixo a coordinación de Phillip B. Zarrilli, actor e director de escena coñecido polo seu método de formación actoral baseado nas artes marciais e na meditación, así como polo éxito que logrou coas súas versións de obras de Samuel Beckett.

Aprendizaxe e investigación

Como explica Vieites no limiar da edición galega, esta guía afonda na interpretación non só como arte, senón tamén como unha ciencia ou cando menos como "unha disciplina obxecto de docencia e de aprendizaxe, de indagación e investigación" dende moi diferentes perspectivas.
Así ocorre no caso dos textos do profesor de Arte Dramática Bert O. States, do actor Michael Kirby, da psicóloga Elly Konijn ou dos directores escénicos Eugenio Barba, Tadashi Suzuki ou Augusto Boal, citando algúns dos autores dos ensaios aquí clasificados en tres grandes temas: teorías e reflexións sobre a interpretación, o corpo e o adestramento e o actor na representación. Para o director da ESAD, a publicación en galego destas achegas sobre teoría, metodoloxía e práctica actoral poñen ao noso alcance enriquecedoras liñas de traballo e estudo a partir das que emprender novos camiños de investigación dende Galicia.
Esta é precisamente unha das finalidades desta colección, que conta con nove anos de traxectoria dedicada a ampliar cualitativa e cuantitativamente a bibliografía en galego de ensaios, estudos e material de investigación sobre teatro. Neste sentido, "Biblioteca de Teatro" botou a andar en 2002, un par de anos antes da implantación en Galicia dos estudos superiores de Arte Dramática, facilitándolles aos seus estudantes un amplo catálogo de contidos teóricos e técnicos, que agrupa tanto obras consideradas fundamentais para o estudo do teatro universal como achegas teórico-prácticas ás diferentes variantes da profesión escénica.
Difusión dende Galicia
A interpretación (re)considerada fai o número 3 dos "Grandes Manuais", unha das tres series nas que se agrupan os títulos editados ata o momento. Este apartado ofrece obras de autoría galega ou traducidas ao galego que, dende unha perspectiva sistemática e pormenorizada, afondan nunha determinada área teatral co obxectivo de potenciar a produción e a difusión dende Galicia do coñecemento sobre as artes escénicas. Así ocorre tamén no caso dos outros dous títulos publicados baixo esta categoría: Manuel Lugrís Freire. Do texto ao escenario e Literatura dramática. Unha aproximación histórica.
Pola súa banda, a serie "Manuais" recolle as traducións ao galego de estudos de recoñecido prestixio internacional, mentres que "Breviarios" reúne obras de autores e profesionais galegos a través das que proporciona unha introdución xeral e de carácter eminentemente práctico a unha determinada materia teatral, en consonancia coas que actualmente se imparten na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

Comparte nas túas redes sociais ou por email