Presentada a campaña 'O fillo do trono'

Categoría: Nova

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Editorial Galaxia presentaron o martes a iniciativa 'O fillo do trono', incluída na programación do Camiño Infantil e que reúne un libro, unha curtametraxe e unha obra de teatro co obxectivo de introducir aos nenos no Camiño de Santiago dun xeito ameno e didáctico. A través destes tres elementos, os alumnos do segundo ciclo de Primaria poderán coñecer a historia da ruta xacobea, os motivos que levan aos peregrinos a facer o Camiño de Santiago, ou os diferentes medios nos que se pode levar a cabo a peregrinación.
A campaña foi presentada onte polo director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos e por Francisco Castro, coordinador de novos proxectos da Editorial Galaxia. Pola tarde, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistiu, a modo de preestrea, á primeira das funcións do proxecto no Salón Teatro.
O libro que forma parte da iniciativa 'O fillo do trono' leva por título 'A contar estrelas no Camiño', escrito por Nati Borrajo con ilustracións de Manel Cráneo. Nel cóntase a historia de catro amigos que nunha noite de verán viven por primeira vez o espectáculo das estrelas fugaces. Estas estrelas serán as que acompañen a estes rapaces e os guíen nunha viaxe a través do tempo, ata as orixes do Camiño de Santiago, unha ruta tecida con trenzas ao longo dos séculos.
Viaxe ás orixes do Camiño
Por outra banda, a curtametraxe 'O fillo do trono' amosará aos rapaces unha viaxe animada ás orixes do Camiño de Santiago e levaraos ata o instante en que comezou esta historia de peregrinacións. Deste xeito, e a través de debuxos animados e coa axuda de actores, os escolares remóntanse ao inicio das peregrinacións a Compostela.
Por último, a iniciativa inclúe unha obra de teatro que leva por título 'Cara ao campo das estrelas', que narra a historia de Paio e Berenguela, membros da denominada como Osoclex (Orde Superior de Operarios do Camiño Lácteo Estelar Xacobino). Ambos introdúcense nun bosque camiño de Compostela e alí aparéceselles a raíña Lupa, bruxa e feiticeira, que os obriga a superar unha serie de probas se queren seguir o seu camiño. A partir de entón sucédense situacións disparatadas, batallas e aventuras impresionantes, e moitas risas nun espectáculo de luz, son e audiovisual deseñado por Sarabela Teatro.
Representacións teatrais
Esta obra representarase, no mes de outubro, en Santiago, Muros, Tui e Viveiro e a ela asistirán de xeito gratuíto alumnos de segundo ciclo de Primaria dos colexios que participan nesta iniciativa. En Compostela haberá catro funcións, que se celebrarán o 6 e o 7 de outubro no Salón Teatro. Ao día seguinte, o venres 8 de outubro o Auditorio do Centro Cultural de Muros acollerá unha representación da obra de teatro. O mércores 13 será a quenda do concello pontevedrés de Tui, onde se representarán dúas funcións no Teatro Municipal. Por último, o día 14 o concello lucense de Viveiro será o escenario dunha representación que terá lugar no Teatro Pastor Díaz. Nos meses de novembro e decembro, a obra itinerará por varios concellos da comunidade galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email