Presentación do novo libro de Domingo Villar, “Algúns contos completos”, en Vigo

Categoría: Nova

O xoves 23 de setembro, celebrarase, ás 20:00 h, no MARCO de Vigo, a presentación do novo libro de Domingo Villar, Algúns contos completos, ilustrado cos linogravados de Carlos Baonza.
Acompañando aos autores, no encontro participará Ana Pereira, doutora en Historia da Arte, como moderadora.
É imprescindible confirmar asistencia no correo comunicacion@editorialgalaxia.gal e chegar con quince minutos de adianto.
Domingo Villar afástase do seu rexistro habitual para ofrecer un monllo de relatos de vocación lúdica. Algúns contos completos contén unha escolma das pequenas historias escritas ao longo de quince anos para agasallar ás amizades ou para animar reunións. Protagonizados pola idea de viaxe e co mar no centro do seu horizonte, nunha sincera exaltación da vida e da beleza, chea de humor.

Unha aposta completamente diferente á que o autor nos ten afeitos.

Domingo Villar (Vigo, 1971) inaugurou con Ollos de auga a exitosa serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. O segundo título, A praia dos afogados, supuxo unha consagración no panorama internacional da novela negra, obtendo excelentes críticas e vendas. En 2019 publicouse O último barco, o esperado regreso do inspector Leo Caldas. A serie foi traducida a máis de quince linguas e recibiu un gran número de premios.

Carlos Baonza (Madrid, 1957) é pintor, gravador e escultor. Iniciouse na actividade artística de forma autodidacta en relación directa con outros artistas consolidados. Ata o ano 2015 compartiu o seu tempo entre a docencia e a actividade artística (ás veces combinando ambas as dúas en talleres de arte) e dende entón ten plena dedicación ao arte plástico-visual. Ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas, performances e instalacións en España, Austria, Alemaña e Italia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email