“Algúns contos completos”, de Domingo Villar, un tributo á amizade

Categoría: Nova

Despois dunha semana nas librarías, Algúns contos completos, de Domingo Villar, móstrase como un tributo á vida e á amizade, un libro no que non hai espazo para a tristeza.
Dez relatos fabulosos, adobiados cos linogravados do artista Carlos Baonza.

 O propio Villar asegura que “o título é unha homenaxe ao meu pai, que nos seus últimos anos comezou a recompilar o que fora escribindo ao longo da vida e meteuno nunha carpeta; Estes contos teñen un pouco que ver con esas aventuras literarias que afronto ás veces afastándome das tramas policiais dentro das miñas novelas. Algúns contos completos é unha escolma de dez contos íntimos elixidos de entre decenas que fun escribindo ao longo do tempo con intención oral.

Nestes contos fúndese o retrato social e a comedia, a maxia e a realidade, nun diálogo espléndido co traballo de Baonza.
Domingo Villar afástase do seu rexistro habitual para ofrecer un monllo de relatos de vocación lúdica. Algúns contos completos contén unha escolma das pequenas historias escritas ao longo de quince anos para agasallar ás amizades ou para animar reunións. Protagonizados pola idea de viaxe e co mar no centro do seu horizonte, nunha sincera exaltación da vida e da beleza, chea de humor.

Unha aposta completamente diferente á que o autor nos ten afeitos.

Domingo Villar (Vigo, 1971) inaugurou con Ollos de auga a exitosa serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. O segundo título, A praia dos afogados, supuxo unha consagración no panorama internacional da novela negra, obtendo excelentes críticas e vendas. En 2019 publicouse O último barco, o esperado regreso do inspector Leo Caldas. A serie foi traducida a máis de quince linguas e recibiu un gran número de premios.

Carlos Baonza (Madrid, 1957) é pintor, gravador e escultor. Iniciouse na actividade artística de forma autodidacta en relación directa con outros artistas consolidados. Ata o ano 2015 compartiu o seu tempo entre a docencia e a actividade artística (ás veces combinando ambas as dúas en talleres de arte) e dende entón ten plena dedicación ao arte plástico-visual. Ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas, performances e instalacións en España, Austria, Alemaña e Italia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email