O enigma de Santiago, de Xosé A. Neira Cruz, foi a obra escollida como gañadora na XVI edición do prestixioso Premio Raíña Lupa.
Publicada na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia, a novela describe unha trama arredor do poder que se artella a través de feitos históricos, destinado ao público infantil. Amosa a ligazón entre dúas épocas, a través da fantasía.
Coincidindo cunha das moitas viaxes de seu pai, Samuel Ron, entra en contacto con Sara Santiso, unha estudante de xornalismo que está a investigar un enigma vencellado coa historia de Compostela. Algo que puxo en perigo a vida de Xoán, un amigo de Sara, quen, tras afondar en documentos descoñecidos, descubriu a existencia dunha trama que converte a Santiago nunha das capitais do tráfico clandestino de reliquias. O valor deses obxectos, e as súas lucrativas ganancias, fan que algúns, uns poucos poderosos, sexan quen de todo con tal de manter os seus privilexios. Mais tamén están André e o seu can Bretón. André vive na cidade desde hai uns meses, tocando polas rúas na procura dun lugar no mundo. Xuntos intérnanse nunha aventura inesperada e fascinante: a que pon en contacto dúas épocas para descubrirnos que, con independencia dos tempos, os seres humanos actúan sempre dun xeito semellante. Para ben e para mal. Quizais porque, en realidade, o tempo non existe.
Misterio, aventuras e un enigma fascinante, é o que atopará o grupo de amigos na cidade de Santiago de Compostela.
Xosé A. Neira Cruz é xornalista, escritor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Autor de máis de trinta obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín (1988 e 2000); o Barco de Vapor (1997 e 1999); o Raíña Lupa (2002 e 2020); o Premio Lazarillo (2004); o Fiz Vergara Vilariño de poesía (2007); o White Ravens da InternationaleJugendbibliothekde Múnich (2005 e 2009); o Premio ao mellor libro estranxeiro publicado no Brasil en 2008, da Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil (FNLIJ); os premios Barriga Verde e Manuel María de teatro (en 2008, 2009 e 2010) e o Carlos Mosteiro de literatura infantil (2019). Autor convidado en moitas feiras internacionais (Buenos Aires, Rio de Janeiro, La Habana, Guadalajara, Berlín…) é un autor referencial dentro da LIX galega.