Presentación de “Quérote canto”, en Pontedeume

Categoría: Nova
O venres 24 de setembro, celebrarase, ás 20:30 h, na Casa da Cultura de Pontedeume, a presentación do poemario Quérote canto, de Baldo Ramos e Eva Veiga.
Acompañando aos autores, presentará o libro a profesora e crítica Teresa Seara.
O acto contará coa actuación musical de Bernardo Martínez e Fito Ares.
Durante o proceso creativo do libro, Baldo Ramos e Eva Veiga deciden internarse uns días no mosteiro de Oseira, mais sen compartir durante a estadía o que pensan nin o que escriben. As súas voces, xuntas, transitan camiños distintos, nunha estancia común, que plasman nesta creación. Un resultado que consegue conmover ás lectoras e lectores, cunha execución maxistral.
O poemario Quérote canto demostra que a poesía é sempre o camiño.
Baldo Ramos (Celanova, 1971) cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Ten publicado, entre outros, os libros: Palimpsesto (2009) e Cartografía do exilio (2014). Recibiu numerosos premios, entre outros, o Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, Fiz Vergara Vilariño, e foi accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.
Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, 1961) é autora, entre outros, dos libros de poesía: A luz e as súas cicatrices(2006), A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e Premio Poesía AELG), Soño e vértice (2016, Premio Poesía Concello de Carral e Premio da Crítica Española) e Silencio percutido(2016, Premio de Poesía Cidade de Ourense).

Comparte nas túas redes sociais ou por email