O castelo encantado, de Edith Nesbit, e O xardín secreto, de Frances Hodgson Burnett, son os dous títulos que a Editorial Galaxia suma ao seu catálogo, na colección Costa Oeste.
As traducións son un valor engadido no que a editorial cre firmemente. Darlle a oportunidade ao noso público de ler grandes clásicos da literatura xuvenil e infantil, en galego, é un dos nosos propósitos.
Fantasía, misterio e moita imaxinación, son os puntos clave que comparten estas dúas obras. Tramas nas que un xardín encantado cambia as vida das protagonistas.
Frances Hodgson Burnett comparte, en O xardín secreto, a historia de Mary Lennox, unha rapaza consentida que, tras a morte dos seus pais na India a causa dunha epidemia de cólera, vai vivir co seu tío Archibald Craven viúvo e cun fillo enfermo, xunto coa estrita ama de chaves Medlock. Un ambiente sobrio que contrasta coa vida de capricho á que a rapaza estafa afeita.
Pero todo cambia para ela cuns novos amigos cando descobren un xardín que permanecía oculto, á vez que atopan unha incrible maxia, que cambiará os seus destinos para sempre.
O castelo encantado, de Edith Nesbit, desbordado de maxia, conta a historia de Jerry, Jimmy e Cathy, tres irmáns que pasan as súas vacacións nunha viliña do suroeste de Inglaterra. Mentres exploran a contorna chegan a un castelo cun xardín encantado, onde espertan unha fermosa princesa que ten un anel máxico. Aventuras e maxia, ingredientes fundamentais que conforman estes libro que non deixarán indiferente a ninguén.