Hoxe celébrase o Día Europeo das Linguas, unha data que lembra a importancia de coidar e preservar o valor máis importante que posuímos a nivel cultural e social, a nosa identidade lingüística.
Fomentar a rica diversidade cultural de Europa, así como incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través da aprendizaxe doutras linguas, é o que busca conmemorar esta data.
A Editorial Galaxia súmase a esta celebración europea defendendo o seu compromiso férreo coa lingua galega e Galicia. Unha lingua que é preciso coidar e preservar e que, cada ano, está a perder máis falantes. Un idioma que precisa un compromiso político real por parte das institucións e espazos cómplices onde atopar acubillo; nos fogares, nas escolas, nas empresas, na administración pública… É necesario fomentar a sensibilidade sobre a situación da nosa lingua, o noso fogar cultural, e tomar accións políticas reais para protexela e resgardala. Cada vez que perdemos un ou unha falante, estamos perdendo a fortaleza dos nosos cimentos culturais. Unha casa que debemos coidar entre todas as persoas da sociedade.
Falemos e celebremos, en galego.