A Editorial Galaxia publica Baixo as alas de abril, de Xoaquín Fernández Leiceaga. Pertencente á colección Literaria, trátase dunha obra narrativa, de xénero policial, na que se reflexiona sobre as primeiras épocas da democracia.
Persecucións, interrogatorios, vidas demoucadas: a trama penetra no ambiente sindical e estudantil compostelán para deixar á vista a cicatriz perenne da liberdade. Unha novela de intriga policial coa que Fernández Leiceaga indaga nas raíces da sociedade actual. Amor, violencia, nación. As ilusións perdidas acaban por dar forma á realidade.
O libro sitúa ás lectoras e lectores en febreiro de 1989, momento no que, tras un atentado contra un cuartel da Garda Civil, o comisario Miguel Santos, coñecido por afastarse dos métodos empregados pola anterior policía franquista, ocúpase da investigación. A detención do grupo independentista autor do feito é obxectivo prioritario do goberno español. Ás implicacións políticas para a democracia axiña se han engadir as consecuencias na vida dos militantes do grupo armado e dos seus achegados. Mariló rexenta o bar familiar e ten o seu irmán agonizando no hospital, onde unha visita do comisario Santos, que acaba de ser pai, vai desdebuxar os límites do convencionalmente esperable.
Un libro imprescindible para pensar o presente e o futuro.
Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) é autor da novela Agosto de memoria e morte (2015). En 2020, publicou o ensaio O país do porvir (Editorial Galaxia).
Profesor titular de Economía Aplicada desde 1992, foi director do Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia (1998-1999: 2014-2016) e vicerreitor de Asuntos Económicos da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994). Como representante político, foi tenente de alcalde de Facenda (1999-2007) en Santiago de Compostela, deputado do Parlamento de Galicia (2005-2012), voceiro de Economía do Grupo Parlamentario Socialista (2005-2009) e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista (2009-2011; 2016-2019). Candidato á Presidencia da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE (2016), é senador en representación da Comunidade Autónoma de Galicia. Publicou, entre outros libros, Economía política do monte galego (1990), Capital estranxeiro e industrialización en Galicia (1993), El impacto de las multinacionales sobre las economías de acogida (1998) e, nesta mesma editorial. ¿Por que fracasou a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia? e outros ensaios (2010); en colaboración con outros autores, Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista (1990), Estrutura económica de Galicia (2000), Avellentamento demográfico e consecuencias socioeconómicas (2000), Os montes veciñais en man común (2006) e Galicia, ¿un pobo con futuro? (2014).