O simposio LIBROS POLA DIVERSIDADE acolle a colección Lectura Fácil de Galaxia

Categoría: Nova

O xoves 30 de setembro, celebrarase, ás 16:30 h, un encontro con Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, que presentará a colección de Lectura Fácil de Editorial Galaxia. Será no simposio O libro e a Lectura: LIBROS POLA DIVERSIDADE, organizado pola Asociación Galega de Editoras (AGE), no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.
O título 20.000 leguas baixo dos mares, de Jules Verne, foi o escollido para inaugurar a colección Lectura Fácil de Editorial Galaxia, unha adaptación realizada pola Asociación Juan XXIII, que xa leva desenvolvida unha intensa actividade arredor dos clubes de lectura fácil, a creación desta colección naceu co obxectivo de incentivar a lectura en galego entre o público con dificultades lectoras transitorias ou permanentes. A Lectura Fácil diríxese a todas e todos aqueles que teñan problemas para ler, ben porque o galego non é a súa primeira lingua, porque tiveron unha alfabetización tardía ou unha escolarización deficiente; e tamén a persoas con trastornos da aprendizaxe ou diversidade funcional.

Deste xeito, Galaxia defende coa chegada ás librarías desta nova colección o dereito das persoas ao acceso á información e á cultura en galego independentemente da súa situación, e como ferramenta de empoderamento para aquelas que teñen algún tipo de diversidade funcional, tal é o caso das usuarias e usuarios da Asociación Juan XXIII de Pontevedra.
Este libro achega unha viaxe inesquecible a través dos cinco océanos chea de baleas, corais, quenllas, misteriosos barcos afundidos e infinidade de perigos.
A Asociación Galega de Editoras (AGE) promove esta xornada que centrará os discursos e o debate na diversidade dentro do mundo da literatura. Cada especialista achegará a súa perspectiva sobre a diversidade no ámbito da literatura no país para intentar chegar a un punto de encontro de como ten que ser o futuro inmediato e máis a longo prazo.

Para a Asociación de Editoras “trátase dun encontro profesional [difundido na canle de Youtube do colectivo por mor da pandemia] para reflexionar sobre a edición de contidos para a inclusión e a diversidade”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email