Hoxe celébrase o Día Internacional da Tradución

Categoría: Nova

Hoxe celébrase o Día Internacional da Tradución, unha data que pon en valor o traballo das tradutoras e tradutores que, a través do seu labor, achegan o pensamento e as ideas de persoas de todo o mundo á sociedade. Facilitan o diálogo e o entendemento, e propician que unha autora ou un autor poida contar a realidade do seu pobo coa opción de volverse un clásico universal.
Este é o caso de O castelo encantado, de Edith Nesbit, e O xardín secreto, de Frances Hodgson Burnett, os dous títulos que a Editorial Galaxia vén de sumar ao seu catálogo, na colección Costa Oeste, traducidos por Clara Bao Rivas e Tania Carril. Clásicos universais da literatura xuvenil nos que a fantasía, misterio e moita imaxinación, son os puntos clave. Tramas nas que un xardín encantado cambia as vidas das protagonistas.
Frances Hodgson Burnett comparte, en O xardín secreto, a historia de Mary Lennox, unha rapaza consentida que, tras a morte dos seus pais na India a causa dunha epidemia de cólera, vai vivir co seu tío Archibald Craven viúvo e cun fillo enfermo, xunto coa estrita ama de chaves Medlock. Un ambiente sobrio que contrasta coa vida de capricho á que a rapaza estaba afeita.
Pero todo cambia para ela cuns novos amigos cando descobren un xardín que permanecía oculto, á vez que atopan unha incrible maxia, que cambiará os seus destinos para sempre.
O castelo encantado, de Edith Nesbit, desbordado de maxia, conta a historia de Jerry, Jimmy e Cathy, tres irmáns que pasan as súas vacacións nunha viliña do suroeste de Inglaterra. Mentres exploran a contorna chegan a un castelo cun xardín encantado, onde espertan unha fermosa princesa que ten un anel máxico. Aventuras e maxia, ingredientes fundamentais que conforman estes libro que non deixarán indiferente a ninguén.

Comparte nas túas redes sociais ou por email