Hoxe, día 1 de outubro, celébrase o Día Internacional da Música e, para festexalo, compartimos con todas e todos vós algunhas das nosas últimas novidades musicais.
No catálogo da Editorial Galaxia, publicamos o libro-disco Se te quixen foi polos grelos, de Timparrantela. Unha banda composta por Olga Brañas, Lorena Sotelo, María Blanco, Olalla López, Olalla Rodríguez, Raquel Huete e Marta Figueiredo. Mulleres que agarran de clarinete ou de piano e cantan ao mundo como elas o entenden.
Fresca, distinta e atrevida, así é a obra que nace desta sinerxía musical. Textos cheos de retranca e de empoderamento, de crítica e de amor, de luz e de sombras.
Para o público infantil, na colección Sonárbore, publicamos, Ramona Órbita. A dona do tempo, de Pakolas, un libro que mestura rock xunto as fermosas ilustracións de Laura Romero para contar a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega do Courel, posuidora dunha horta cibernética e unha perfeccionada máquina do tempo. Con ela marcharedes de viaxe pola Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, pola China Imperial, ou mesmo ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a adultos.
Publicado na mesma colección, Lingua guapa. Cantos que contan…, é un traballo de Fina Casalderrey e Néstor Blanco, ilustrado por Lucía Cobo. Un libro-disco que chega para voarmos por todas as músicas do mundo. Viaxaredes a través dunha lingua moi longa, con quilómetros de historia, que “leva palabras de azucre que aturuxan na memoria”.
Celebremos, cantando e bailando, este fermoso Día da Música.