Hoxe é o Día Mundial dos Animais, unha data na que celebramos a vida animal en calquera das súas formas.
O propósito central deste día é lembrar a importancia de todas as especies animais con quen compartimos o planeta. A través deste tipo de celebracións, búscase crear unha nova cultura do respecto e sensibilidade cara a todas as especies.
Na Editorial Galaxia apoiamos firmemente este tipo de causas e cremos que tanto o público infantil coma adulto deben ter ao alcance da súa man historias que afiancen o compromiso social.
Este é o caso de Viches iso? Un percorrido pola vidas das aves invisibles, de José Arcas, o novo libro que da colección Lanterna de Aristóteles. Unha obra singular, moi intuitiva e amena que axuda a comprender o mundo que existe ao noso carón. Unha chamada de atención a erguer a cabeza, facendo un percorrido pola vida desas aves que, para nós, son “invisibles”.
José Arcas sintetiza o resultado de máis de trinta anos de traballo, observando, estudando e debuxando aves, nesta obra. A través dun estilo moi próximo, acompañado de ilustracións fabulososas do propio autor, as lectoras e lectores poderán ampliar os seus coñecementos sobre estes curiosos animais, adentrándose nestas páxinas, cheas de cor e coñecemento.
Para a cativada, Historias da Fraga revirada, de Xosé Tomás, pode supoñer unha rica achega á diversidade, en todas as súas formas, no mundo animal. Este é un libro ilustrado que defende o dereito á diferenza, pois é o valor máis alto que posuímos. Nesta Fraga Revirada poderedes atopar animais moi distintos, seres que cren en si mesmos e que defenden as súas habelencias por enriba de todo. Personaxes que son como queren ser, non como teñen que ser. Trátase de historias evocadoras, acompañadas cunha ilustración impecable, que contan con xogos e actividades para a cativada.
Publicado na colección Álbum, Akna. Os mariñeiros da terra de xeo, nace da escrita de Peio Lopez-Iturri e as cores de Irati Merino Petralanda.
A protagonista, Akna, é unha nena inuit que se fai preguntas sobre a natureza que a rodea. Cavilacións que desenvocan nunha idea fundamental: o xeito en que nós coidemos a nosa contorna será como nos coide a Nai Terra.
Así é como coidan ela e a súa familia, cazadores de baleas, a espazo no que viven. Cazan unha soa balea ao ano, por que? Pregúntase Akna…
Este libro é un berro de amor polo medio ambiente, os seres vivos, a liberdade… Hai moitas maneiras de vivir dun xeito respectuoso coa Nai Terra, iso teno claro a nosa protagonista.
A que esperades para ler estas historias? Todas son diferentes e están cheas de aire fresco e esperanza.