O mércores inauguramos o novo obradoiro da Escola de Letras, con Diego Giráldez

Categoría: Nova

O vindeiro mércores 6 de outubro comeza o novo obradoiro con Diego Giráldez, da Escola de Letras, en Pontevedra.
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia continúa a súa traxectoria cun novo Obradoiro Literario, esta vez, con Diego Giráldez. Durante cinco sesións, que comezarán este mércores e se levarán a cabo ata o 3 de novembro, o alumnado desenvolverá a súa paixón pola escrita no Obradoiro Literario, no Salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación Provincial (Avda. Montero Ríos, s/n, 36071 Pontevedra), que será o quinto obradoiro deste programa. As quince persoas que participarán nel mergullaranse no mundo das letras, buscando, a través de diferentes técnicas narrativas, o desenvolvento da súa propia voz literaria, e poderán aprender da experiencia de Giráldez, os días 6, 13, 20 e 27 de outubro; 3 de novembro, en horario de 18 a 20 h.
Tras este novo obradoiro, virá o Obradoiro de Poesía, impartido por Elvira Ribeiro, que este ano tamén debuta como parte do profesorado da Escola, que se realizará no mes de decembro. Será no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e tamén ten todas as prazas esgotadas. Antes destes obradoiros Inma López Silva realizou dous Obradoiros Literarios en Vigo e Pontevedra; Antonio García Teijeiro impartiu un Obradoiro de Poesía en Vigo; e Anna R. Figueiredo o Obradoiro: Escribir unha novela.
O encargado de dirixir o obradoiro, Diego Giráldez, naceu no Porriño en 1976. Leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo e dirixiu distintos xornais e revistas e colaborou como columnista de opinión en medios coma A Nosa Terra, A Peneira e Xornal de Galicia, e con reportaxes culturais en El País. Na actualidade escribe para o diario dixital Praza Pública e a revista Luzes e dedícase profesionalmente á comunicación corporativa. Licenciado en Historia da Arte, publicou varios traballos, que abranguen desde a arquitectura ata a historia económica. Sen renunciar á creación literaria, con vinte anos participou xunto con outros autores no poemario Baldío. Máis tarde, en 2016, saíu á luz Galería de saldos, o seu primeiro traballo literario de narrativa. Este libro de relatos valeulle o aplauso unánime de crítica e público, polo que foi elixido Autor Galego do Ano polas lectoras e lectores da revista Fervenzas Literarias. En 2010 gañou o Premio Literario de Relato Curto José Saramago. Ese mesmo ano recibiu na súa localidade de nacemento o Premio Círculo Cultura. En 2015 fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo e un ano despois gañou o prestixioso premio literario Manuel Murguía.

Comparte nas túas redes sociais ou por email