No acto participarán Luis Collado, responsable de Google Book Search España, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro.
Hai meses anunciamos o acordo entre a Editorial Galaxia e a empresa transnacional Google para a difusión mundial dos seus fondos literarios na Rede. Trátase, sen dúbida, dun esforzo sen precedentes co que queremos poñer a literatura galega, clásicos e contemporáneos, nos grandes circuitos de promoción universal que permiten as novas tecnoloxías. O acordo con Google consiste en poñer a disposición dos lectores e as lectoras de todo o mundo os textos do noso catálogo, tanto actual como histórico, de modo que se poida acceder a eles parcialmente, para así axudar á súa máxima difusión.
Editorial Galaxia avanza deste xeito na súa estratexia de proxectar as nosas letras, a nosa lingua e a nosa literatura no mundo, consonte as novas liñas da Web que vimos desenvolvendo, e mais do Blog da editorial que víu á luz no pasado mes de decembro.
A asistencia ao acto é de balde e, ao remate do mesmo, compartiremos un viño de amizade.