Galaxia en Google Books

Categoría: Nova

Rodeados de amigos e amigas da editorial e de moito público interesado, comezou o acto coas palabras do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes quen explicou que o acordo supuña "un salto cualitativo" na vida da editorial. Definiu o acordo con Google Books como un dos fitos máis importantes no eido da difusión da literatura e cultura galegas nos últimos tempos, "algo, ademais, consorte á filosofía iniciada polos devanceiros, no ano 50, nos tempos máis duros do franquismo, cando decidiron fundar á editorial". Víctor F. Freixanes suliñou a importancia de que a iniciativa nacese da vontade de acordo entre dúas empresas como Google e Galaxia, unidas para poñer o galego e a cultura de nós en todo o mundo. Explicou, tamén, que o obxectivo é que poidamos facer con este sistema o mesmo que facemos en calquera librería, cando entramos para follear un exemplar, lemos unhas páxinas…

Acto seguido, o responsable de Google Books en España, Luis Collado, fixo unha demostración de como funciona o sistema, e de como é posible, en efecto, ver todos e cada un dos libros como se realmente os tiveramos nas mans. "En troques de preguntarlle ao libreiro, aquí preguntámoslle ao buscador, que nos ofrece toda a información que busquemos sobre tal ou taloutro libro, e ademais, deixa que o miremos". Nas primeiras opcións de calquera pescuda relacionada coa literatura galega, aparece sempre a posibilidade de ver algúns dos libros da editorial Galaxia dixitalizados en Google.

Tras esta intervención, chegou o turno do profesor e crítico literario Arturo Casas quen fixo unha interesante reflexión arredor do que, ao seu xuízo, van supór estas novas formas de lectura. Amosouse esperanzado arredor de todas as posibilidades relacionadas coa difusión que, a nivel de investigación e estudo, implican este tipo de servizos. Confiou, tamén, en que desde o sistema educativo se lle saiba tirar todo o proveito a estes novos sistemas telemáticos.

O acto concluíu coa intervención do coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro, quen presentou os cambios na web e a posta en marcha do blog da editorial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email