UNIVERSO LECTOR

Categoría: Opinión

Todo escritor está irremediablemente encadeado aos seus gustos literarios. Máis ca en influencias ou en reaccións penso no feito de que un sempre escribe os libros que anceia ler, ata o punto de que as lecturas alleas marcan tamén as coordenadas da obra propia. Relacionando ambos os dous datos é posible coñecer o universo que lexitimamente un escritor pode aspirar a conquistar co que publica. Sempre máis acá, pero nunca máis alá. Quen gusta dunha literatura na que a forma non importa menos có argumento sabe que o número dos seus lectores é sempre limitado.

 

Unha recensión, unha entrevista ou un artigo poden empurrar a mercar o libro do que tratan. A literatura da que falo non ten entre nós moitas máis canles de difusión. E Si. Tamén eu soño que os meus libros acadan un amplo universo lector. Pero entre o que desexo que teño e o compromiso que asumín semella existir unha incompatibilidade radical. E un non pode traizoar as súas conviccións sen perder a propia estima.

Comparte nas túas redes sociais ou por email