O acordeón

Categoría: Opinión

Bob Dylan saca novo disco: Together Throungh Life. Na entrevista de lanzamento manifesta especial cariño por un instrumento do que, até o de agora, fixera escaso uso: o acordeón. Di que é a un tempo orquestral e persuasivo. Nunca reparara nas virtudes flexibles do acordeón, pero escoitándoo con calma demostra a súa natural capacidade para concentrar distintos sons, encabalgar timbres, unificar rexistros. Despois das eleccións últimas, poida que haxa que utilizar máis o instrumento descuberto polo cantante . Política de orquestra, persuasiva e de negociación parece a imprescindible en tempos coma os que corren. Comprobado que, seis mil arriba ou abaixo, os votantes están divididos á metade, se queremos asentarnos sobre cimentos sólidos e duradeiros haberemos de aprender a temperar do fol para que o aire saia harmonioso. Especialmente en temas coma o da cultura. Por parte dos que agora irán á oposición, sería un erro grave centrar os próximos anos nun pranto estéril anunciando a paralización de cultura a causa do nulo aprecio cara a ela dos que lexitimamente nos gobernarán. Por parte dos gobernantes, unha imbecilidade utilizar a lingua e a cultura para dar desplantes de anacrónico señorito ou navalladas de rancoroso desclasado. Se, como ten escrito Freixanes, este país está aínda en moitas áreas no momento de “botar a placa”, non debería inducir ó pesimismo iniciar un período no que nos haberemos de afanar por persuadir e negociar asentando unha placa consistente. Esta e non outra é a arte nobre de ocuparse da cousa pública, e, se queremos ir xuntos pola vida, tal e como canta o vello Dylan, non nos queda outra que aprender a tocar o acordeón.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email