Presentación do Premio Ramón Piñeiro en Santiago

Categoría: Nova

Mañá 2 de outubro ás 20,00 horas presentaremos o Premio Ramón Piñeiro 2013, 'Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx' na Libraría Pedreira de Santiago. Intervirán, ademáis do autor, José Mª Durán Medraño, Manuel Fernández Pellicer, delegado xeral en Galicia de Gas Natural Fenosa, Amalia Baltar, respopnsable de relacións intitucionais en Galicia de Gas Natural Fenosa, Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, Antón Baamonde, filósofo, e Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia.
Cando se fallou o premio, no pasado mes de xaneiro, o xurado do XII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013 valorou de xeito especial a orixinalidade do tema e do seu enfoque, que aborda un asunto de actualidade e abre unha reflexión nova sobre a concepción do traballo na sociedade contemporánea. En "Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx", o autor establece un vencello entre a teoría do valor do traballo e o pracer empregando as acheas recentes do pensamento para subliñar a dimensión creativa e estética do traballo, ademais da social.
O xurado, formado por Luís Alonso Girgado, Carlos Lema, Dolores Vilavedra, Marilar Aleixandre e Xaime Subiela (gañador este último da pasada edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio pola obra "Para que nos serve Galiza?"), recoñeceu así os méritos dunha obra na que se valoraron tanto a exposición e a análise das ideas como o rigoroso labor de argumentación dunha peza escrita desde unha perspectiva orixinal e provocadora.

Comparte nas túas redes sociais ou por email