Xerardo AgraFoxo, que xa se ten inspirado en episodios e personaxes históricos en novelas anteriores como Unha viaxe no Ford T, recunca agora nesta fórmula que mestura historia e literatura para ofrecer unha narración nos tempos da Guerra Civil. O escritor concede o protagonismo de A maleta de Victoria Kent a un mozo obreiro anarquista, Liberto, quen despois de unirse aos intentos de sufocar a rebelión militar, deberá elixir entre botarse ao monte ou conseguir pasaxe a América. AgraFoxo fai confluír a historia con maiúsculas coas peripecias individuais, ademais de retratar un tempo e un lugar: unha vila galega de 1936, coa súa propia intrahistoria de enfrontamentos, tanto políticos como persoais. Unha historia de amor redondea a proposta da novela.
(texto publicado en 'La Voz de Galicia' o 23 de xullo de 2014)