Presentación do libro "Milladoiro. A Galicia de Maeloc" na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

Víctor F. Freixanes, Presidente da Fundación Otero Pedrayo, foi o encargado de introducir ao numeroso público nas razóns que levaron a premiar a este grupo, o mellor embaixador de Galicia por todo o mundo. Marcos Pérez Pena, autor da introducción e entrevista deste volume, subliñou o papel tan relevante que Milladoiro está a adquirir entre a xente nova, como este grupo histórico sitúase coma un nexo entre o pasado e o futuro da música galega. Como xa fixera no acto de entrega do Premio Trasalba, Manuel Bragado fixo unha documentada laudatio destacando a significación do grupo na nosa cultura.

Antón Seoane, un dos membros fundadores do grupo, agradeceu a concesión do premio e a publicación conseguinte deste fermoso libro que presentamos en nome de todos os que deron lugar a Milladoiro. Salientou a pertenza do grupo ao "colectivo da esperanza" e o seu papel como testemuña do cambio que se produciu nos últimos 28 anos, pasando da Galicia de Maeloc "a outra máis viva, que é o fogar de Breogán e que tras moitos anos de hipersoño xa é hora de que esperte".

Para rematar o acto Xosé Ferreirós, outro membro histórico, presentounos a peza "Trasalba" que tivemos o pracer de escoitar, na compañía tamén do gaiteiro do grupo Nando Casal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email