O galardón subliña a traxectoria e o compromiso do grupo como alma sonora de Galicia dende hai xa 28 anos e a súa contribución á difusión da música e a cultura galegas por todo o mundo.
Durante o acto literario, ao que asistiron o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, a Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o Presidente da Deputación Provincial de Ourense, Xosé Luis Baltar, presentouse o libro Milladoiro. A Galicia de Maeloc, unha fotobiografía do grupo a cargo de Marcos Pérez, con epílogo de Manuel Bragado, que foi tamén o encargado de facer a laudatio dos homenaxeados. Unha edición especial deste libro, xunto cunha placa conmemorativa e unha xerra, peza única, deseñada por Isaac Díaz Pardo, foron os presentes que recibiu Milladoiro por parte da Fundación. O grupo correspondeu xenerosamente coa estrea dunha peza musical composta especialmente para a ocasión que leva o título de Trasalba.
No seu discurso de agradecemento polo premio, Antón Seoane, un dos fundadores de Milladoiro, salientou a pertenza do grupo ao "colectivo da esperanza" e o seu papel como testemuña do cambio que se produciu nos últimos 28 anos, pasando da Galicia de Maeloc "a outra máis viva, que é o fogar de Breogán e que tras moitos anos de hipersomnia xa é hora de que esperte".
Esta xornada festiva complétase cada ano coa presentación dun libro que ten como centro a Don Ramón. Nesta ocasión, Xesús Alonso Montero comentounos as pasaxes máis emotivas de Laio polo irmán ausente. Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces, preparado por el mesmo para Galaxia, no que se recolle a correspondencia de Otero Pedrayo centrada na enfermidade e morte de Castelao.
A xornada rematou no souto do pazo co tradicional xantar de amizade ao aire libre, con máis de 450 persoas, que ano tras ano se distingue polas cuncas que Sargadelos adica aos homenaxeados.