A novela gañadora do premio García Barros 2006 chegará ás librerías da man de Editorial Galaxia. Lois e Helena buscándose nun día de tormenta, título co que Manuel Veiga acadou este galardón e terceiro publicado polo autor monfortino, caracterízase polo coidado estilístico da prosa e por unha trama narrativa que reflicte a despersonalización da sociedade contemporánea. A historia desenvólvese en Oliveira, trasunto literario da cidade de Vigo, e trascorre ao longo dun só día. Lois e Helena, os protagonistas, son un matrimonio de clase media cunha vida sinxela e sen sobresaltos. Un día calquera, ao espertar, Lois descobre que Helena marchou e inicia entón un periplo pola cidade na súa búsqueda, mentres se pregunta polas razóns da súa fuxida. Na segunda parte da novela a historia cóntase dende o punto de vista de Helena, que reflexiona sobre os motivos que a levan a fuxir. A novela é a historia de dúas persoas que saben que a súa relación non funciona pero non saben os porqués.
En relación coa linguaxe Manuel Veiga define a súa novela como "un texto con moitas proteínas e pouca graxa". Tamén afirma que "sempre fuxo dos lugares comúns e das gorduras: quero que o texto alimente e para iso fago correccións fagan falla".
Agardamos pois ver en papel impreso da man de Editorial Galaxia este texto que concilia sinxeleza e orixinalidade.
O Concello da Estrada coa colaboración da Consellería de Educación e Dirección Xeral de Política Lingüística, a Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia leva 15 anos convocando este premio de novela longa en homenaxe a Ken Keirades. No ano 1989 inicia esta andaina e saca á luz Paisaxe con muller e barco de Manuel Forcadela, ten no seu haber obras como O espírito de Broustenac de Álvarez Cáccamo, Tal vez melancolía de Xosé Carlos Caneiro ou Un nicho para Marilyn de Miguel Anxo Fernández, gañador no 2002.