Spam, aceda historia dun empresario que só pode romper a súa soidade no territorio virtual, é o título da novela coa Francisco Castro (Vigo, 1966) que conseguiu a última edición do Premio Eduardo Blanco Amor de Novela, convocado polos concellos galegos e dotado con 12.000 euros. A novela, presentada baixo o lema "Punto com", é en palabras do seu autor "unha profunda carga irónica", recurso que lle parece idóneo na Literatura "para facer moita crítica".
Fiel a este principio, Francisco Castro asegura que Spam -nome que recibe o correo lixo- é un libro que dispara os seus dardos máis mortíferos contra a vida empresarial e, máis concretamente, contra os departamentos de recursos humanos, que el considera "unha nova forma de escravitude". En realidade, engade, este departamento desenvolve "técnicas habilmente deseñadas para explotar mellor o ser humano".
A paisaxe da novela téndese nos parámetros no mundo virtual e con ela, Francisco Castro pretende indagar na soidade da sociedade contemporánea. "Está protagonizada", conta o escritor, "polo director dunha empresa. Teoricamente é un triunfador pero, no fondo, é profundamente solitario. O seu único pracer é estragar a vida dos servos da empresa e a súa única relación co mundo sucede a través da rede, cunha webcam e o correo electrónico".
De bloguer a cronista cibernético
Aparentemente, este directivo sádico e frustrado é o protagonista absoluto dunha novela "concibida desde unha atmosfera claustrofóbica, con tres únicos espazos: a empresa, o ordenador que el ten na súa casa e o mundo virtual da mentira electrónica que é internet".
Spam xurdiu na mente de Francisco Castro ao mesmo tempo que poñía en marcha un dos primeiros blogs dos escritores galegos, A canción do náufrago. Porén, a súa experiencia nesta bitácora ten moi pouca relación coa rede que envolve ao seu protagonista. "Montei A canción do náufrago como un escritor que artella unha plataforma de encontro cos seus lectores. É un medio de comunicación fantástico que me permite interactuar con centos de persoas todos os días. O único que me trouxo esa bitácora foi satisfacción". Pero Spam demérxese noutros usos que a este escritor lle parecen máis anómalos: "É un home enganchado ás web cam, que non pode ter relacións físicas cunha muller pero entra todas as noites nas páxinas de pornografía para chatear cunha muller que traballa nese mundo".
O xurado do Premio Blanco Amor, resolto o 27 de maio de 2006 en Neda, Concello que se encargou este ano da organización, resaltou de Spam o feito de ser "un libro innovador, que rompe moldes e incorpora aspectos orixinais nunha narrativa, a nosa, cambiante e florecente".
Tamén indicaron que se trata dunha novela "funcional e insólita, épica e distanciada con altas dose de humor e un ton irreverente e irónico". Ao certame presentáronse 26 obras, das que 6 quedaron finalistas. Galaxia encargarase de publicar agora Spam, que aparecerá nas librerías despois do verán. O xurado estaba composto por Laura Cabeiro, Medos Romero, Ramón Nicolás, Armando Regueiro e Vicente Araguas. O Premio Blanco Amor de Novela Longa en lingua galega é convocado por 52 municipios das catro provincias de Galicia e cada ano encárgase de organizalo un deles.
GALICIA HOXE
28.05.2006