A Asociación Cultural Barbantia organiza esta presentación da novela Un tipo listo, de Xosé Monteagudo, Premio García Barros 2009. O acto contará coa participación de Víctor F. Freixanes, director da Editorial Galaxia, Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia, Xosé Ricardo Losada, secretario de Barbantia, os socios da entidade, María Xesús Blanco e Xerardo AgraFoxo e o autor, Xosé Monteagudo.
Un tipo listo iníciase coa morte do director dunha sucursal bancaria de Vigo. A aparición do cadáver leva á descuberta dun desfalco de grandes proporcións. Os dous fillos do presunto autor convértense nos principais sospeitosos dunha complexa trama financeira de repercusións imprevistas. Pero a acción da xustiza é quizais a consecuencia menos grave dunha situación na que a escura personalidade do pai lles revela un inquedante legado ao que teñen que enfrontarse.
A novela de Xosé Monteagudo premiada co García Barros 2009 ten trazas de crónica familiar e social, ao tempo que, cun dominio nada frecuente da materia literaria, propón unha reflexión sobre a relación pais-fillos, a herdanza como carga e como débeda que cómpre asumir para integrarse na sociedade ou a ruptura dos vencellos entre irmáns. Trátase dunha novela que busca un público lector amplo, na que o autor manexa a trama e dosifica a información de tal xeito que o lector se vai internando progresivamente nunha historia inzada de segredos e medias verdades.
Mediante unha absorbente historia de suspense, esta novela de Xosé Monteagudo retrata unha sociedade na que as traxectorias de éxito son a miúdo o resultado das máis turbias intrigas.