Por certo

Categoría: Opinión

Unha recente investigación na Universidade de Krusne Hory Sul (KHSUn), na República Checa, demostra que os nenos que len teatro son adultos máis intelixentes, serenos e empáticos; e viceversa. Outra, feita hai anos polo mesmo grupo de estudo multidisciplinar, asegura que ler mentiras é saudable. Ler literatura, por tanto, ha de ser algo así como bucear coa boca aberta nas piscinas da fonte da eterna xuventude.
Claro que, por simple regra de tres, ler prensa (nacional ou rexional, tanto ten) ou ver tele tamén debera valer no 90% dos casos; ¡pero non!, porque os científicos da KHSUn puxeron nunha nota ó pé na páxina cento e pouco que para que as letras causen o efecto desexado han de estar escritas con boas intencións. E noutro estudo aínda anterior descubriran nun microscopio así grandón con filtros de múltiples cores que as boas intencións son uns bechos de nove patas e pinzas que traban á menor oportunidade, unha especie de centola con mans de boi e humor de empresario xornalístico ou algo así.
Podemos extraer de todos estes saberes universais que a lectura, en xeral, é unha actividade recomendable, sobre todo cando un foi lendo tanto que xa é quen de intuír por onde andan as fronteiras entre as mentiras (que veñen enganchadas unhas nas outras, como as cereixas dos cestos) e as verdades, que son fráxiles como froles pequeniñas e, por certo, tampouco hai que fiarse moito delas antes de que murchen.

Comparte nas túas redes sociais ou por email