Nas cancelas do cemiterio

Categoría: Opinión

Como moita xente, eu comezo a ler o xornal por atrás. E como moitos destes lectores, a miña primeira atención pousa nas mortuorias. Pero, a diferenza deles, non busco coñecidos para irlles ao enterro. A miña afección é parente da dos protagonistas da canción dos Smiths Cemetery Gates, que se citan ás portas do cemiterio para pescudar nas lápidas. Eles buscan epitafios, eu alcumes. Así, ante min desfilan O Roxo, Andrés da Corredoira, A Xílgara, Encarnita do Chistes, O Cachupeiro, A Toxeira de Saa, Espada de Doroña, O Vinculeiro de Castelo, Maruja o Pichoco, Pepe da Roda, O Alicate, O fillo de Pancho da Roxa, O Farol do Couto, O Sordomudo de Canido, O home de Antonia a Tamborileira. Queda constancia tamén do derradeiro adeus a fogueteiros, zoqueiros, canteiros, xastres, gaiteiros, curas e comandantes de infantería (sempre é de comandante para riba) e mesmo quen se di (ou dío a súa familia) poeta. Como na canción, eles tiveron as súas vidas, as súas paixóns, igual que as miñas, pero deles só teño noticia por un papel que tamén acabará por facerse po e que me deixa a inevitable sensación de asistir non á morte dunha persoa, senón de todo un mundo.
(Coda: quizais non morra, quizais só se transforme: hai días lin a mortuoria dun home do que se despedía o seu esposo…)

Comparte nas túas redes sociais ou por email