Presentación de “Receitas para encher o peito”, en Ferrol

Categoría: Nova

O sábado 8 de xullo, celebrarase, ás 12 h, na Central Librera (Rúa Dolores, 2), en Ferrol, a presentación de Receitas para encher o peito, de Xoanqui Ameixeiras.

Ás 19 h, celebrarase outro encontro arredor do libro no peirao de Curuxeiras.

Acompañando o autor, estará José Manuel García, director de “Comer e falar todo é comezar”, en Si Radio Galicia, e autor do limiar do libro.

Neste libro, publicado na colección Cociña de Editorial Galaxia, Xoanqui Ameixeiras comparte, Receitas para encher o peito, o seu saber gastronómico con todas e todos.

Esta proposta está dirixida a todas as xentes de bo comer, persoas que aman os matices e distintos sabores. Unha invitación a non esquecer os sabores da infancia, nin aqueles pratos que xuntaban a toda a familia arredor dunha mesa. Este libro defende o produto galego, e recende a afumados, a caldeirada, a mar e campo.

En palabras do autor: «O que quixen foi rescatar algunhas elaboracións que se están perdendo e o aproveitamento de partes excelentes dos nosos bos produtos, que tenden a desbotarse. As salmoiras, os escabeches, o xeito natural de curar unha sardiña ou unha xarda, as partes menos nobres historicamente dos peixes, por así dicilo, coma os cocotes das pescadas ou as cabezas desalgadas do bacallau, que son o noso auténtico umami e elevan o sabor de calquera caldeirada, as ovas de xiba ou de polbo, que son unha delicadeza, ou o rabo de porco, que só identificamos co cocido, pero nunha potaxe con nabizas é un manxar».

Todas as receitas que comparte o cociñeiro galego están pensadas para a xente da casa, á que lle gusta cociñar e compartir. Baseanse en ingredientes de proximidade que se poden atopar nas vilas.

Deste xeito, Xoanqui Ameixeiras trasmite e comparte o seu amor polo bo comer, amosando unha cociña de tradición e sabores de sempre.

Un libro imprescindible para todas e todos os amantes da gastronomía.

Xoanqui Ameixeiras (Fene, 1971). Pasou a infancia na Revolta e no Cádavo (Fene), a adolescencia en Caranza (Ferrol) e a madurez en Vilagarcía de Arousa; pero sempre ten un pé, e parte do seu corazón, na parroquia de Centroña, no Concello de Pontedeume.

A cociña do mesón A Marola, en Fene, propiedade dos seus pais, foron os inicios, sendo un neno, da súa paixón pola cociña. A partir de aí cursos, formación e traballos en moitas cociñas e salas levaron a que nunca colgase o mandil.  

Traballou como cociñeiro e presentador na TVG en máis de 470 programas de cociña, e como cociñeiro en A Cociñeta e Desafío nos fogóns, ademais de colaborar noutros como A voltas co prato, Quen anda aí, Come na comarca, A Revista e Luar, e na radio en Comer e Falar, da Radio Galega primeiro e en Si Radio despois. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email