Forte pesar na Editorial Galaxia polo pasamento de Ana María Fernández del Riego, relixiosa viguesa, que faleceu este mércores 5 de xullo, aos 101 anos, en Granada.
A irmá do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego, naceu en 1921 en Vilanova de Lourenzá, Lugo, e tivo unha vida plena, que destacou pola súa actividade nas misións en China, Filipinas e Taiwan a mediados do século pasado. Con 101 anos ás costas, a relixiosa exerceu durante moitos anos como profesora de inglés e bibliotecaria. Moitas xeracións de alumnos e alumnas lembran a Ana María como unha docente entrañable que chegaba ó corazón das persoas coa súa vitalidade e sentido do humor.
Irmá orgullosa, festexou que este ano a Real Academia Galega celebrase o legado do seu Don Paco. Ao igual que o homenaxeado, Ana María profesaba un inmenso amor por Galicia e as linguas, chegando a publicar dúas obras literarias. A súa vida estivo marcada polo compromiso social e o altruismo coa súa comunidade. Foi testigo dalgúns dos acontecementos máis importantes deste século, como o ascenso de Mao ao poder.
A súa enerxía incansable levouna a contar a súa historia na derradeira etapa dos seus días, cunha centuria de historia tras de si. En decembro de 2022 publicou un poemario titulado Con los pies en el suelo, onde reflictiu lembranzas de medos e ledicias persoais, de misións e das súas clases. Unha obra que naceu da meditación, como ela mesma asegurou.
O seu funeral celebrarase o martes 18 de xullo ás 13:00 horas na Igrexa dos Apóstolos (Xesuítas), na rúa Marqués de Valladares, cruce con Velázquez Moreno.
Ata sempre, Ana María, descansa en paz. Grazas pola túa xenerosidade.