Na presentación en Santiago de Compostela da obra gañadora da VIII edición do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, Paisaxe e Nación, a autora estivo acompañada pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o director xeral de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e o director de Unión Fenosa Galicia, Luís Díaz, representando ás tres entidades que convocan o premio.
A gañadora do Premio Ramón Piñeiro reflexiona nesta obra sobre o significado da paisaxe para a cultura galega, a través de figuras da literatura galega como Otero Pedrayo ou Méndez Ferrín, e da conexión da mesma coa "saudade". O director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, destacou que "o texto é unha viaxe pola construción da identidade dunha nación a través da paisaxe", mentres que o coordinador do Centro Ramón Piñeiro e membro do xurado que concedeu o premio, Manuel González, apuntou que a obra "combina dun modo valente os conceptos de nación e paisaxe".
O ensaio aborda a paisaxe desde unha nova perspectiva, mediante o "xogo con referencias universais", que lle van "achegando á cultura galega o pensamento doutras culturas", explicou o membro do xurado e director de edicións da Editorial, Carlos Lema.
A autora destacou o xeito no que este libro se liga aos obxectivos fundacionais de Galaxia e da ideoloxía do propio Piñeiro: pensar Galicia incorporando referentes e autores de todo o mundo, o pensamento universal. A obra lígase tamén, segundo López Sández, aos traballos sobre a paisaxe realizados precisamente nos anos cincuenta por autores como Rof Carballo (Mito e realidade da terra nai) ou Celestino de la Vega (Abrente e solpor da paisaxe).
María López Sández é a terceira muller que gaña este premio, despois de Teresa Moure e Rebeca Baceiredo, feito que dá mostra da consolidación da muller non só na literatura senon xa na creación de pensamento en Galicia.