A lamprea adianta en Padrón a súa temporada

Categoría: Nova

O libro aparece na colección Guías/Galaxia, cuidadosamente ilustrado con fotografías e debuxos, precedido de textos dos cociñeiros Ferrán Adriá e Juan Mari Arzak, e cun magnífico epílogo, en varios capítulos, de Juan José Moralejo. Ao longo de 160 páxinas o lector coñecerá e gozará dun dos manxares máis característicos da cociña galega, que inicia a temporada no mes de xaneiro ata maio, ou ata que "canta o cuco", segundo a tradición.

O editor Víctor F. Freixanes, o cociñeiro padronés Chef Rivera, o escritor e xornalista Joaquín España, o arquitecto César Portela e o doutor Juan José Moralejo acompañaron ao autor e á súa familia na presentación, que se celebrou o pasado sábado nos locais do restaurante do segundo dos citados. Alí estaban amigos e familiares, pescadores do Ulla, cociñeiros da comarca, cámaras e medios de comunicación, cun prólogo audiovisual no que se sucederon imaxes dos grandes ríos da lamprea galega: o Tambre, o Ulla e o Miño, coas súas características construcións da ribeira (pescos), embarcacións e artes de pesca, e música da Sinfónica de Melide.

Juan José Moralejo leu un texto reivindicativo reclamando o coidado dos ríos, patrimonio nacional que precisa de recuperación e respeto, e mais o pracer de pescar, que no seu caso e paixón. Na sección "Recoméndacho" desta web reproducimos o principal do texto.

César Portela lembrou o seu traballo sobre as pesqueiras do Miño, ameazadas polas construcións incontroladas na ribeiras e os encoros de produción hidroeléctrica. Chef Rivera animou a todos a compartir o pracer do saboroso ciclóstomo, cando principie a temporada en xaneiro. Freixanes lembrou como na súa casa de neno preparaban na noite de Nadal a lamprea seca, que traían os seus avós das terras de Sela e de Arbo, á beira do Miño.

Joaquín España reivindicou o seu cuarto de sangue de Ferrol e leu en galego un texto cheo de afecto dirixido ao autor e á súa familia, cunha lembranza especial para Pepín, Xosé Piñeiro Ares, exalcalde de Pontecesures e pai de Miguel, xa falecido. E Miguel Piñeiro anmimou a todos con afecto e agasallos: un vello debuxo de Agustín Portela, pai de César, que Piñeiro Ares tiña na casa, e unha carta autógrafa de Ramón Otero Pedrayo, que mediados os anos 60 saudaba ao alcalde de Pontecesures coa "arelanza saudosa" dos ríos todos, dende o Mondego ata o Ulla.

Comparte nas túas redes sociais ou por email