Esta tarde, a partir das 20 horas, a escritora e actriz de dobraxe Alicia Borrás presenta o seu primeiro libro na colección Costa Oeste, O mar é noso. No acto estará acompañada polo escritor Antonio García Teijeiro e o coordinador de novos proxectos da Editorial Galaxia, Francisco Castro.
Nesta nova obra, Alicia Borrás agasállanos cun lote de contos acabados de pescar, con arrecendo a mar, para seren lidos ao natural. Relatos que respiran a luz, a cor e a vida que a súa autora, fiel observadora da realidade, soubo mesturar con pingas ben dosificadas de fantasía.
Alicia Borrás naceu en Vigo, onde traballa como profesora de teatro e actriz de dobraxe. Polo seu dominio da palabra oral, moitas das historias que escribe presentan esa relación constante cos ecos das narracións transmitidas de xeración en xeración. Outros dos seus libros beben directamente da tradición folclórica, como é o caso de Quen son?, conto de adiviñas pensado para os máis pequechos e que goza do favor entregado dos primeiros lectores e lectoras.