'Todas as mulleres bailamos co mar'

Categoría: Nova

Rodeada de amigos e lectores e lectoras, a escritora Alicia Borrás presentou onte en Vigo o seu novo libro 'O mar é noso'.
Abriu o acto o Coordinador de Novos Proxectos da Editorial Galaxia, o escritor Francisco Castro quen explicou que 'se escribir é un xeito de mirar a realidade, este volume nace coa ollada prendida da súa autora, e do seu xeito especial de mirar'.
O escritor Antonio García Teijeiro foi o encargado de debullar todo o que contén a obra de Alicia. Nun discurso emocionante , comezou lendo poemas da autora, e referindo como, case por accidente, descubrira, na mesma librería Librouro de Vigo, onde se celebrou o acto, a poesía de Borrás. Leu un poema, divertido e tenro, que arrincou risos entre os presentes e que lle serviu de marco para entrar nos relatos de 'O mar é noso', un libro, en palabras de García Teijeiro, que é 'un verdadeiro pracer, literatura ben escrita, que che fai pensar e que conmove'. Suliñou tamén que era un libro 'reflexo da personalidade e das inquedanzas e emocións da autora, unha muller que respira palabras e arte, e que nos aprende a respirar palabras e arte'. Centrándose nalgúsn dos contos, sinalou que eran quen de 'rabuñar nos nosos sentimentos, e que, na súa sinxeleza, brillan, porque en todos eles hai vontade de facer literatura, cheos dunha poesía incrible, porque a poesía, como sabe Alicia Borrás, non está só nos versos, senón que está por todas partes, tamén no mar'.
Unha emocionada Alicia Borrás encargouse de poñer o peche ao acto. Leunos 'A Carolina', un dos contos do libro protagonizado por unha rapaza que marcha pola noite a bailar co mar, unha serea deliciosa, para rematar indicando que 'todas as mulleres bailamos co mar'.

Comparte nas túas redes sociais ou por email