Presentación de “Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón”, na Feira do Libro de Redondela

Categoría: Nova

O xoves 15 de xuño, celebrarase, ás 19:30 h, na Feira do Libro de Redondela, a presentación de Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón, de Adrián Estévez.

Acompañando o autor, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Publicado na colección O noso deporte, esta proposta pretende achegarlle ao público galego as vidas, fitos e temas relacionados co deporte galego escritos por especialistas de primeiro nivel e cun evidente afán divulgativo.

O libro Manuel de Castro. Handicap. Crónica dunha paixón, de Adrián Estévez Iglesias, é o encargado de inaugurar esta nova colección. Unha proposta que homenaxea o centenario do RC Celta.  En breve, a Editorial publicará novos títulos centrados na historia do fútbol feminino e na orixe do balompé en Galicia.

Neste primeiro volumen adicado ao unanimente considerado fundador do Celta de Vigo, Manuel de Castro, Hándicap, Estévez presenta a crónica dunha paixón polo deporte. Un libro que estuda minuciosamente a figura do xornalista, árbitro de fútbol, seleccionador nacional e galego, e dirixente federativo: Manuel de Castro González, Handicap (Vigo, 1885-1944). Un dos primeiros periodistas deportivos de fama nacional, cronista nas olimpíadas (Antuerpen, París e Ámsterdam) e un dos artífices do nacemento en 1923 do Real Club Celta de Vigo, tras a fusión do Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo.

Editorial Galaxia publica esta obra no ano en que o RC Celta chega aos 100 anos de vida. Unha efeméride que propicia a creación da colección O noso deporte.  Unha aposta que pon en valor o deporte galego e tamén darlle o seu espazo ás seccións femininas. O vindeiro libro que agardamos é De Irene a Vero Boquete, da autoría de Héctor Pena. Unha proposta que estuda o fenómeno deportivo feminino.

Adrián Estévez Iglesias (Pontevedra, 1983) é filólogo e mestre de formación, e traballa como corrector lingüístico. Traduciu para o galego a novela de John Fante A irmandade da uva, e publicou poemas e relatos en revistas e fanzines. Edita na Wikipedia en lingua galega desde 2007, onde colabora na redacción de artigos enciclopédicos e con fotografías para ilustralos. É padroeiro da Fundación Otero Pedrayo, xoga ao fútbol gaélico no Auriense F. G. e canta no grupo musical Columna Vegana.

Comparte nas túas redes sociais ou por email