Pablo Javier Rañales Pérez gaña o VII Premio Illa Nova de Narrativa con “Os afogados”

Categoría: Nova

En Santiago de Compostela, na sala do Ámbito Cultural El Corte Inglés, a 13 de xuño de 2023 reuniuse o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa. Compoñen o xurado María Canosa, Adrián Gondar, Oriana Méndez, Cándido Paniagua e Irene Rega. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva.

Despois das oportunas deliberacións o xurado decide por unanimidade outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa sétima edición ao texto Os afogados.

Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resultou ser Pablo Javier Rañales Pérez.

O xurado destacou que Os afogados é unha novela moi interesante e significativa dentro da narrativa galega, porque afronta temas xa tratados, pero arriscándose a ir un paso máis alá. En todo momento o autor logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración, mantendo a tensión narrativa nunha trama moi equilibrada. O feito fantástico vai máis alá dunha personaxe para presentarse como un suceso comunitario que atravesa todo un imaxinario xeográfico, ademais o xurado pon en valor que ese marco sexa recoñecible e contemporáneo.

Os afogados é unha proposta orixinal de gran altura estética, nela introdúcense achegas  novidosas a carón doutras máis tradicionais. É unha distopía interesante que pon a familia ao servizo da comunidade, que introduce o tema do medo, de como se afronta, da difusión dos discursos de odio. Ao tempo leva á reflexión sobre as relacións humanas, pero tamén coa contorna e o medio ambiente.

Unha obra moi suxestiva no formal, co uso da linguaxe inclusiva, con diálogos moi directos, sen artificios, pero cun estilo moi depurado que consegue transmitir a historia con gran axilidade.

A Editorial Galaxia coa colaboración do Ámbito Cultural El Corte Inglés convoca cada ano o Premio Literario Illa Nova de Narrativa para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. En 1957 a Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa, que este ano acadou a súa sétima edición.

Comparte nas túas redes sociais ou por email