O venres 16 de xullo, celebrarase, ás 19 h, na Sala Leonardo da Vinci, da Domus da Coruña, a presentación de H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa, ilustrado por Luz Beloso.
Acompañando a autora, estarán Patricia Barciela, directora da Domus, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
O novo traballo de María Canosa é un libro singular, a toda cor, que a Editorial Galaxia publica fóra de colección nun formato grande. Un título no que podedes atopar unha morea de curiosidades científicas relacionadas co noso día a día. Cousas simples que temos ao noso carón, pero que teñen un funcionamento moi complexo.
As vistosas ilustracións de Luz Beloso contribúen a explicar todas e cada unha das temáticas científicas das que se ocupa a autora. Ángel Carracedo, un dos científicos máis importantes do noso país, foi o encargado de facer o limiar onde sinala: “Logo de ler este libro, non teño dúbida ningunha de que me gustaría ter a María no meu equipo de investigación, pero parece que a ela lle gusta máis escribir, e alégrame que tamén difundir”.
Cunha escrita intelixente, a escritora amosa unha visión moi orixinal sobre o eido científico. Megullándonos nestas páxinas, fermosamente ilustradas por Luz Beloso, todas e todos poderemos aprender cantidade de cousas novas, converténdonos nun chisco máis libres.
María Canosa é unha das autoras máis recoñecidas da literatura infantil e xuvenil galega. Moi nova comezou a escribir e recibir premios e distincións literarias. Desde entón non deixa de soñar historias, o que deu como froito os preto de corenta títulos que ten nas librerías.
Na Editorial Galaxia, publicou libros como Matías, un pito e campionato, Faíscas, Vagalume de versos, O neno inverno e Candorcas e unicornios.