Con gran pesar recibimos a noticia do pasamento do escritor e xornalista Xerardo González Martín, hoxe, en Vigo.
Home comprometido coa cultura, foi redactor xefe de Radio Popular e director de El Correo Gallego, Antena 3 e Televigo. Implicado coa realidade do país, participou en política na etapa da transición, desenvolvendo o posto de Delegado do Ministerio de Cultura na provincia de Pontevedra (1979) e máis tarde obtendo acta de deputado no Parlamento galego (1981). Foi membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses, “Vigués Distinguido” e colaborador asiduo de La Voz de Galicia. A súa preocupación polo devir da cidade de Vigo levouno a fisgar con intensidade no pasado da Cidade Olívica. Froito do seu traballo é unha serie de libros sobre a historia local viguesa, entre os que salientan “Vigo no espello dos nosos avós” (Xerais, 1991) e “Gallegos al volante. 1900-1930”(Instituto de Estudios Vigueses, 1995), que foi Premio Fundación RACE.
Na Editorial Galaxia publicamos “120 anos de ciclismo galego” (2007), unha densa crónica da longa marcha do ciclismo galego, e “Ángel Llanos, fotógrafo” (2010), cen anos da cidade de Vigo a través da mirada dunha cámara.