Galaxia estará na Feira do Libro de Ponteareas

Categoría: Nova

Raquel Castro, Xosé A. Perozo, Nee Barros Fernández e Rexina Vega, son os autores que estarán asinando os seus últimos lanzamentos.

Chega o verán e con el as agardadas feiras dos libros, espazos nos que descubrir e compartir novas lecturas; é o caso da Feira de Ponteareas, que se celebra dende o día 15 ata o 18 de xullo, na Praza Maior do lugar. Un evento que acolle fermosas novidades como “Dormente”, de Raquel Castro, que estivo presentando o xoves 15, ás 19:00 h.

Este libro, publicado na colección Árbore de Editorial Galaxia, ilustrado por Laura Veleiro, amosa ás nenas unha orixinal versión da Bela Dormente, que se afasta do punto de vista clásico. Nun exercicio de despatriarcalizar o conto que todas coñecemos, a autora preséntanos unha proposta moi innovadora na que invita ás nenas a poder elixir o seu futuro cando son novas, de escoller o que queren facer e con quen queren estar. Un texto teatral infanto-xuveníl fabuloso para medrar en igualdade.

Publicado na mesma colección, podedes atopar “O libro das avoas”, de Xosé A. Perozo, ilustrado por María Lires, que estarán o venres 16 de xullo, ás 18:00 h, presentando o novo título.

Esta é unha lectura recomendada para a partir dos 8 anos. Un canto de amor ás avoas e ao papel fundamental que xogan na vida dos netos.

Ás 20 h, Nee Barros estará presentando “Identidade. A normalidade do non-común”, publicada na colección Costa Oeste, é unha obra de teatro que supón un berro de liberdade para Zé, o noso protagonista. Esta é unha viaxe na que Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como nos vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón.

Rexina Vega estará o sábado 17 de xullo, ás 20 h, falando sobre “O estado intermedio”, publicado na colección literaria, este libro supón o seu debut na Editorial Galaxia. Unha novela na que a propia autora conversa coa morte, unha autoficción poderosa na que explora e afonda nos vínculos entre unha filla e o seu pai falecido. Todo debe arder, por iso hai que ter claro o pasado.

Comparte nas túas redes sociais ou por email