Presentación de “Cousas de Farruco”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O martes 24 de setembro, celebrarase, ás 20 h, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a presentación de Cousas de Farruco, de Farruco (Xosé Luís Bernal López).

Acompañando o autor, estará Quico Cadaval, actor, director, adaptador teatral; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Soledad Felloza, presidenta da asociación de Narración Oral Galega; e Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.

O acto será presentado pola comunicadora Esther Estévez, presentadora do programa da TVG Dígocho eu

Farruco, o alter ego de Xosé Luís Bernal López, publica Cousas de Farruco. O autor que, como el mesmo afirma, le todas as mañás a prensa en papel, sae todos os días a tacear, e conecta coa xente paseando pola súa querida Compostela, reflicte neste título algúns dos contos que foi debullando ao longo da súa vida. Traballou na radio e na televisión e coñeceu os escenarios de toda Galicia referindo contos e lendas, algúns baseados en feitos reais, outros en feitos que merecían ser verdadeiros.

Bernal é un amante de Compostelanear, así o amosa no seu pasado libro, Eles e mais eu, unha homenaxe a personaxe que atopaba pola rúa e que foron desaparecendo. Cousas de Farruco, é un agasallo sobre a súa memoria como contador, inspirado polo autor rianxeiro, Castelao.  

Farruco (Santiago de Compostela, 1942). Sendo ben noviño subiu a un estrado e xa non volveu baixar. Presentou festivais, animou concursos, organizou certames, pronunciou pregóns, esconxurou queimadas, fixo teatro, recitou poemas e, co seu personaxe Farruco, a súa creación máis notable, percorreu Galicia, de cabo a chicote, por festas e romarías, e levoulle unha mensaxe de humor e de nostalxia a moitos Centros Galegos de España, Europa, América e do Continente Australiano.

Aos dezaoito anos agarrou un micrófono e xa non o volveu soltar: Falou polos da SER, Radio Galega, Onda Cero, Radio Voz… E para que a súa mensaxe chegase máis lonxe e a máis lugares, editou catro producións discográficas: CaralladasFarrucadasTrapalladas e Gargalladas.

Pola década dos oitenta atrapouno unha cámara de televisión e xa non o deixou fuxir.

Comparte nas túas redes sociais ou por email