Convócase o XXIV Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2024

Categoría: Nova, Premio, Premios

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.

Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

1º Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega; e o/a autor/a non fose distinguido/a nas últimas cinco convocatorias do certame.

2º A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme á calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo.

3º O tema dos ensaios será libre, mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un carácter excesivamente académico, e facer fincapé na súa pretensión divulgativa. A exposición do tema do ensaio deberase realizar exclusivamente mediante a escritura, sen empregar gráficos, cadros, fotografías ou elementos semellantes.

4º Os orixinais enviaranse, por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204, Vigo, indicando no sobre XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.

5º O prazo para a recepción de orixinais rematará o 15 de novembro de 2024 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.

6º Establécese un único premio de 3.000 euros (suxeito aos impostos que lle sexan de aplicación), que se outorgará ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.

7º Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.

8º A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de venda sen IVE, para o/a autor/a ou para quen el/ela libremente determine.

9º Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección “Ensaio”, e na contracuberta salientará, de par do logotipo da editorial, os da Xunta de Galicia, e entidades colaboradoras: Caixa Rural Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

10º As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.

11º A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, se nomearán de común acordo entre as entidades convocantes.

12º A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email