Hoxe celebramos, no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, unha rolda de prensa de presentación arredor de Economía e poesía: Rimas internas, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2023, de Yolanda Castaño.
Acompañando a autora, estiveron Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral de Caixa Rural Galega; Armando Requeixo, crítico literario, investigador e secretario de Centro Ramón Piñeiro; e Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.
A autora amosa nesta publicación, que supón o seu primeiro libro de ensaio, unha gran capacidade para abrir debate arredor dun elefante na habitación: a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar as e os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu traballo.
Defensor de posicións fondamente polémicas, este ensaio critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas.
Economía e Poesía: Rimas internas establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.
Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.
Tras trinta anos de traxectoria e unha carreira internacional, unha das poucas figuras que experimenta o que é vivir deste xénero tira conclusións ao fío do vivido, e abre debate no que é o seu primeiro volume de ensaio.
Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
Podedes consultar as bases premendo aquí.