Hermilindo esbirra poemas, de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero Pereira, é unha das dúas obras finalistas da 1ª categoría da XXI edición dos Premios literarios Frei Martín Sarmiento.
Este é un dos galardóns máis prestixiosos do noso sistema literario pois son o alumnado e profesorado os encargados de decidir cales dos libros publicados nos dous últimos anos son, segundo o seu punto de vista, os mellores.
Publicada na colección Árbore de Galaxia, esta lectura está recomendada a partir dos 10 anos. No mundo mecánico está totalmente prohibido pronunciar palabras bonitas. Por este motivo, o protagonista, Hermilindo, debe ocultar un segredo: esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Unha historia fabulosa e imaxinativa que achega á cativada ao mundo das emocións e as palabras.
Tras a valoración por parte do alumnado, no mes de abril coñeceremos os gañadores/as. A gala de entrega de galardóns terá lugar o 9 de maio.