Entrega do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, “Papóns”, na Estrada

Categoría: Nova

O mércores 25 de setembro, celebrarase, ás 12 h, na sala de xuntas do Concello da Estrada, a entrega do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, a Sandra Lodi, por Papóns.

Acompañando a autora, estarán Gonzalo Louzao Dono, alcalde do Concello da Estrada; e Sara Vacárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.

Publicado na colección Álbum, esta lectura, recomendada para a partir de 5 anos, encherá de luz a mirada das lectoras e lectores que a coñezan. Unha proposta narrativa ben encetada, que pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta.

A Inés encántalle pasar tempo coa avoa e cultivar a horta con agarimo. Un día descobren que alguén fixo desaparecer a colleita na que traballaron todo o ano, e aí comeza a maxia.

Este libro amosa unha relación co medio e os animais sensible e acertada. Forma parte da realidade das nenas e nenos que tiveron a sorte de criarse nese ambiente privilexiado no que imaxinar e crear as súas propias historias.

Un álbum que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. 

Sandra Lodi (Lugo, 1990) É unha ilustradora, deseñadora e artista plástica lucense afincada en Santiago de Compostela. Estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca, época en que tamén tivo a oportunidade de coñecer o método de produción creativa da Accademia di Brera (Milán).

Actualmente publica as súas ilustracións na revista satírica Mongolia e na publicación semanal El Estafador, ademais de colaborar con outros xornais como ilustradora de prensa.

En 2019 foi premiada co Segundo Premio Curuxa de Humor gráfico do Museo Xaquín Marín e en 2021 a súa obra pictórica foi seleccionada na XII Bienal de Pintura Eixo Atlántico. En 2022 recibiu o Primeiro Premio no combate mural do Culturbán (Lugo), e en 2023 no IV Certame de Pintura do Festival de Cans. Gañou, en 2024, o IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns, publicada en Editorial Galaxia, e ilustrou Sucos, de Ignacio Vidal Portabales (Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023), publicado na colección Árbore de Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email