Sandra Lodi recibe o IV Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi por “Papóns”, na Estrada

Categoría: Nova

Hoxe celebramos, na sala de xuntas do Concello da Estrada, a entrega do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, a Sandra Lodi, por Papóns.

Acompañando a autora, estiveron Lucía Seoane Rosende, concelleira de Cultura, Carlos Loureiro Rodríguez, secretario do xurado; e Sara Vacárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.

Sandra Lodi aporta unha sensibilidade especial con esta obra que xa enriquece o imaxinario cultural de Galicia. Este álbum non só destaca pola súa composición e ambiciosa aposta, senón polos valores que transmite.

Pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta. Abre unha xanela á infancia, á natureza, ás tardes de verán en que o tempo parecía infinito, á capacidade de poder imaxinar e conectar, de verdade, coa contorna que nos rodea. Un apunte fundamental nun mundo cada vez máis tecnolóxico e mediatizado.

Esta non é só unha historia de xenerosidade, senón unha porta aberta a todas as nenas e nenos a descubrir, explorar e xerar as súas propias historias. Sinala a importancia de imaxinar e perseguir o camiño propio.

“Papóns” pon en valor o noso. Cóntase desde a nosa propia identidade, con mulleres que non posúen corpos normativos, pero que son reais. Por unha nena, Inés, que foxe das convencióna de nena actual, pero que conecta coa súa esencia.

Con este álbum, Sandra Lodi pon o seu grao de area na construción dunha identidade cultural forte, que nos define, e onde a nosa sociedade se poida ver representada cando o lea.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email