Cada lingua está conformada por palabras diferentes, vocablos que nos sinalan a maneira na que as súas xentes entenden a realidade e, por tanto, o mundo. E así é, cada lingua é un mundo. Un mundo que apreixa unha identidade propia, uns valores sociais e unha historia.
Se aínda somos galegos, é por obra e graza do idioma, así o afirmou Castelao, e así o queremos lembrar hoxe dende Galaxia, nunha data na que celebramos o Día Europeo das Linguas. Esta efeméride, que salienta a importancia de coidar e preservar o valor máis importante que posuímos a nivel cultural, é unha excelente oportunidade para subliñar a importancia de coidar o noso. Dende Galaxia sumámonos a esta celebración, defendendo o noso compromiso férreo coa lingua galega e Galicia.
A nosa identidade lingüística defínenos. Conta dunha maneira precisa como somos, cales son as cicatrices da nosa historia e as luces do futuro. Falar o noso idioma é un acto de amor propio pola nosa cultura, e polo legado dos nosos devanceiros.