‘Sentinelas da lúa carmesí’ leva Galicia ao Weird Market

Categoría: Nova

En decembro sairá a segunda parte da triloxía de BD.

A banda deseñada Sentinelas da Lúa Carmesí, de Andrés CastroOzo Perozo e Alexandre Senande, publicada no catálogo de Editorial Galaxia, será a única representación galega (e en galego) da sección de “Cómics Europeos” do Weird Market Festival, o mercado profesional máis importante de animación, videoxogos e new media que se celebra no Estado español e un dos máis importantes a nivel europeo, segundo o informe Mapping the Animation Industry in Europe do Observatorio Audiovisual Europeo e a Comisión Europea.

Os autores, que consideran esta participación no Weird Market Festival “un pequeno paso máis cara á adaptación audiovisual do noso cómic”, presentan unha historia de fantasía, marcada polo misterio, a mitoloxía galega e os monstros. Dous mundos paralelos que cohabitan, o real dos protagonistas, e o fantástico dun bosque poboado de seres mitolóxicos.

A vida empeza cando deixas de soñar e comezas a recordar; así comeza esta historia, conformada pola épica, emotividade, humor e pinguiñas de terror adolescente; ingredientes fundamentais nesta proposta. Sentinelas da Lúa Carmesí, afonda na inmensa riqueza de mitos e lendas de tradición oral de Galicia, conectada coa mitoloxía celta.

O cómic, que xa vai pola segunda edición, pretende ser “un referente audiovisual da mitoloxía galega, pois antes de ser banda deseñada, Sentinelas da lúa carmesí naceu coma un proxeto audiovisual”, afirma Andrés Castro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email