Chus Pato, Premio Nacional de Poesía

Categoría: Nova

Chus Pato vén de gañar o Premio Nacional de Poesía pola súa obra “Sonora”, (Xerais, 2023).

A autora, nada en Ourense en 1955, é dona dunha das poéticas máis persoais e vangardistas da poesía en lingua galega e conta cunha voz renovadora e rupturista internacionalmente recoñecida que nunca renunciou ao seu fondo compromiso ético. En Galaxia viron a luz “Carne de Leviatán” (2013), Premio da Irmandade do Libro á mellor autora do ano; “Secesión” (2009), recoñecido como o mellor libro do ano 2009 polo suplemento “Revista das Letras”; “Un libre favor” (2019); e as reedicións de “Fascinio” (1995, 2010) e “A ponte das poldras” (1996, 2006).

Os seus poemas foron editados en países como Arxentina, Chile, Portugal, Holanda, Bulgaria, Rusia, Francia e Bélxica, entre outros, e a súa obra foi recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais.

Os seus primeiros poemas apareceron na revista ‘Escrita’ (1984) e, posteriormente foron aparecendo mostras da súa obra poética nas revistas ‘Luzes de Galiza’, ‘Festa da palabra silenciada’, ‘Andaina’, ‘Gume Ólisbos’,’Revista das letras’, ‘Dorna’ ou ‘Clave Orión’.

Forma parte do PEN Club, de Redes Escarlata e Mulleres e Letras e o 23 de setembro de 2017 ingresou na Real Academia Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email